Nas parroquias de Vigo existe dende fai anos a tradición de pasarse dunha a outra a San Isidro o dia da súa onomástica, quedando a parroquia receptora un ano coa súa custodia ata o ano seguinte, que se lle entrega a outra. Este ano tocoulle a Candeán recibir o santo dende Cabral, e a comisión de festas convidou a banda de música para que participásemos no acto xunto con outras agrupacións.
Foi un fermoso día onde a exhuberancia da primavera deixábase notar polos frescos aromas que vagaban polo ar e por un sol irradiante de luz. Neste contexto comezamos a tocar, o público non tardou en unirse á música bailando alegre e intensamente e mandando algún aturuxo que outro. As típicas pezas tocadas mecanicamente trocaron agora en melodías frescas e cheas de vida, incluso eu sorprendinme a min mesmo movéndome o ritmo de pasarrúas tocados ata a saciedade anteriormente. Foi unha experiencia vibrante onde publico e músicos acadaron unha simbiose única. Obviamente, neste contexto festivo, é sinxelo acadar expresións de xubilo por parte do público e lograr este grao de complicidade.
Como músicos profesionais, dentro do ámbito do conservatorio, tocamos polo simple pracer de facer música e intentamos mellorar cada día con pezas máis complicadas tanto en técnica como en expresión. Pero non deberíamos esquecer ao público, para trocar os concertos musicais (sexa no ámbito que sexa) de simples audicións onde este xulga ao interprete, a experiencias integradoras onde publico e intérprete formen parte dun todo.
Xesús Casal Piñeiro.
Que fermosa experiencia Xesús. Sen sabelo, estabades reafirmando as teorías da Antropoloxía da performance. Se Marcia Herndon levantase a cabeza...
ResponderEliminar