A música é quizais a máis sublime das manifestacións humanas. Coma un complexo fenómeno inmaterial, libre de ataduras historiográficas eurocéntricas, entendémola coma parte da cultura universal. A música está presente en tódalas sociedades coñecidas. Ten un papel determinante na articulación do seu funcionamento interno. Da mesma maneira, forma parte da nosa propia experiencia individual. A música é unha forma de relacionarnos co noso entorno máis inmediato.
A musicoloxía nace como disciplina ca intención de ser un lugar común de reflexións procedentes de tan diversos campos de estudo coma as humanidades, as ciencias sociais, a física, a análise... Na actualidade, sexa cal for o tema abordado, apostamos por unha musicoloxía de obxectivos dinámicos, afastada de academicismos anquilosantes, que axude a reconstruír cada unha das caras desa realidade poliédrica que é a música.
E con estas motivacións nace este blog, creado no seo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, pero de forma paralela a este. Pretende ser un punto de encontro para todo aquel que queira achegarse sen complexos á musicoloxía, en calquera das súas manifestacións: crónicas de xornadas, comentarios de texto, reflexións, críticas de concertos, discos, libros... Cos mellores desexos musicolóxicos.
Julia Feijóo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario