miércoles, 11 de mayo de 2011

Resonancias.

Fai algo máis dun mes que rematou o VI Curso de Iconografía musical da Complutense "Resonancias", celebrado na facultade de Xeografía e Historia os días 7 e 8 de abril. Disque máis vale tarde que nunca. Dividíronse os días en dúas sesións maratonianas de tres conferencias cada unha, a primeira xirou en torno á iconografía medieval, e a segunda sobre a iconografía no século XX (jazz en Portugal e os Beatles). 

Así a grandes rasgos non me entusiasmaron as propostas que se fixeron. Na presentación do curso, Cristina Bordas aludía ao método de Panofsky como marco de actuación no que se desenvolven fundamentalmente os traballos do "Grupo de Iconografía". Independentemente ao nivel de erudición que require o método (non dubido de que eles o teñan), isto foi un pouco tópico, porque realmente non houbo ningún traballo que pasara da descrición formal (ás veces esquéncense de que os alumnos imos cos ollos postos a clase), ou do recoñecemento da escea en casos contados. Nesta liña de traballo pareceume un home moi brillante Arturo Tello Ruiz-Pérez, que "leu" a súa ponencia sobre a representación da lira e da viola nos "Miracles de Nostre Dame" de Gautier de Coinci. Inda que de costas á música sonora, na liña xeral deste grupo de traballo da Complutense, fixo unhas hipóteses interpretativas arriscadas, que resolveu cunha defensa argumental moi sólida.

Con diferencia, a mellor clase foi a de Mauricio Molina. Porque deu unha clase, non unha conferencia. Fixo unha proposta metodolóxica na que empregaba a antropoloxía da performance, a iconografía e a teoría da percepción da Idade Media, para xustificar as súas hipóteses de reconstrución da música no románico. Pareceume o único profesor que se plantexa a iconografía coma medio e non coma fin, e tamén o único en facer un traballo interdisciplinar, no que ao fin, musicoloxía e etnomusicoloxía son empregadas a un mesmo tempo e cun mesmo obxectivo: a música.

Visto o visto, cada vez teño máis claro que a única barreira á que nos enfrentamos non son os medios económicos, nin as bibliotecas nin os centros educativos, senón a nosa propia falta de curiosidade.

Ata aquí a crónica. Velázquez e Goya seguen no seu sitio.


Julia Feijóo

No hay comentarios:

Publicar un comentario