miércoles, 11 de mayo de 2011

De lo universal del sonido.

Deron fin as IV Xornadas de Xóvenes Musicólogos da Universidade de Oviedo, celebradas entre o 12 e o 15 de abril. Estiveron organizadas en diferentes sesións de comunicacións, argalladas en torno a un tema unificador, con nomes moi suxerentes que tentaban lavarlle a cara aos mesmos temas de sempre (mestres de capela, catálogo do arquivo catedralicio...). Teño que advertir que en cada sesión había que elixir entre dous temas. Polo xeral, decanteime polos máis interdisciplinares, os menos descritivos, ou simplemente os que menos soporíferos me pareceron. Por fortuna non todos temos o mesmo concepto do soporífero, así que sempre houbo algunha representación viguesa en cada sesión. Espero impaciente noticias destas comunicacións. 

Como me acontecera en Madrid, a miña impresión xeral foi desmotivadora. Independentemente do tema tratado, o plantexamento xeral foi puramente descritivo, e os traballos centráronse en mostrar centos, miles de datos, facer gráficos, biografías e cronoloxías. Pero qué pasa despois? Non houbo interpretacións nin lecturas máis profundas deses datos, non houbo obxectivos cumplidos porque tampouco os houbo antes de empezar as investigacións. E polo tanto non houbo aportacións. Gustaríame destacar dúas comunicacións que me gustaron moito, precisamente porque si que se plantexaron preguntas, que logo respostaron ou non, pero que dende logo deron que pensar e abriron un espazo de reflexión. Unha foi a de María del Rosario Montes Moreno "Internet y la democratización del gusto, el nuevo boca-oreja", na que se trataba o tema das redes sociais coma novo espazo de "crítica" musical desxerarquizada, nas que todos colaboramos a crear un gusto colectivo. Logo de analizar esta situación de forma moi amena, chegaron as conclusións, nas que se propuña ao musicólogo coma figura necesaria para guiar a esa masa, potencialmente consumidora de música. A outra foi a de Isaac Álamo Pérez, "Relaciones mapa-territorio-música-identidad", na que, partindo das teorías de Bauillard e Said sobre a conformanción da indentidade individual e colectiva, facía un estudo da música urbana adoptada polas minorías étnicas asentadas fóra dos seus territorios. 

Das conferencias dos profesores da facultade de Oviedo, máis do mesmo, todos foron decepcionantemente descritivos, salvo Ángel Medina, que fixo hoxe un repaso sobre os que foran os seus traballos máis decisivos da súa carreira musicolóxica. Un home moi brillante e intelixente, dende logo, capaz de ver máis alá dos datos, e moi sensible á hora de interpretar a música coma manifestación social. Tamén houbo unha mesa redonda, nas que estaban convidados Jose Luis Temes (director de orquestra) e Victor Fernández Blanco (economista). Sólo cito a estes dous, porque foron os que aportaron as ideas máis interesantes, que entre moitas divagacións, se poden resumir en dous puntos básicos: a música que non se edita en papel ou non se grava non existe. A música ten que rentabilizarse para facerse un oco na vida normal de calquera sociedade.

Estas reflexións foron algo controvertidas, pero creo que son necesarias para crear o noso mapa mental do que é para nós a musicoloxía e do que queremos aportar como musicólogos. Quizáis o problema destes compañeiros é que nunca se fixeron tantas preguntas sobre a nosa materia de estudo. Non creo que sexa un exercicio de soberbia, todo o contrario, é unha inquedanza eterna por aprender. O traballo da organización foi impecable.

Julia Feijóo

Resonancias.

Fai algo máis dun mes que rematou o VI Curso de Iconografía musical da Complutense "Resonancias", celebrado na facultade de Xeografía e Historia os días 7 e 8 de abril. Disque máis vale tarde que nunca. Dividíronse os días en dúas sesións maratonianas de tres conferencias cada unha, a primeira xirou en torno á iconografía medieval, e a segunda sobre a iconografía no século XX (jazz en Portugal e os Beatles). 

Así a grandes rasgos non me entusiasmaron as propostas que se fixeron. Na presentación do curso, Cristina Bordas aludía ao método de Panofsky como marco de actuación no que se desenvolven fundamentalmente os traballos do "Grupo de Iconografía". Independentemente ao nivel de erudición que require o método (non dubido de que eles o teñan), isto foi un pouco tópico, porque realmente non houbo ningún traballo que pasara da descrición formal (ás veces esquéncense de que os alumnos imos cos ollos postos a clase), ou do recoñecemento da escea en casos contados. Nesta liña de traballo pareceume un home moi brillante Arturo Tello Ruiz-Pérez, que "leu" a súa ponencia sobre a representación da lira e da viola nos "Miracles de Nostre Dame" de Gautier de Coinci. Inda que de costas á música sonora, na liña xeral deste grupo de traballo da Complutense, fixo unhas hipóteses interpretativas arriscadas, que resolveu cunha defensa argumental moi sólida.

Con diferencia, a mellor clase foi a de Mauricio Molina. Porque deu unha clase, non unha conferencia. Fixo unha proposta metodolóxica na que empregaba a antropoloxía da performance, a iconografía e a teoría da percepción da Idade Media, para xustificar as súas hipóteses de reconstrución da música no románico. Pareceume o único profesor que se plantexa a iconografía coma medio e non coma fin, e tamén o único en facer un traballo interdisciplinar, no que ao fin, musicoloxía e etnomusicoloxía son empregadas a un mesmo tempo e cun mesmo obxectivo: a música.

Visto o visto, cada vez teño máis claro que a única barreira á que nos enfrentamos non son os medios económicos, nin as bibliotecas nin os centros educativos, senón a nosa propia falta de curiosidade.

Ata aquí a crónica. Velázquez e Goya seguen no seu sitio.


Julia Feijóo

martes, 10 de mayo de 2011

Preludio.

A música é quizais a máis sublime das manifestacións humanas. Coma un complexo fenómeno inmaterial,  libre de ataduras historiográficas eurocéntricas, entendémola coma parte da cultura universal. A música está presente en tódalas sociedades coñecidas. Ten un papel determinante na articulación do seu funcionamento interno. Da mesma maneira, forma parte da nosa propia experiencia individual. A música é unha forma de relacionarnos co noso entorno máis inmediato.  

A musicoloxía nace como disciplina ca intención de ser un lugar común de reflexións procedentes de tan diversos campos de estudo coma as humanidades, as ciencias sociais, a física, a análise... Na actualidade, sexa cal for o tema abordado, apostamos por unha musicoloxía de obxectivos dinámicos, afastada de academicismos anquilosantes, que axude a reconstruír cada unha das caras desa realidade poliédrica que é a música.

E con estas motivacións nace este blog, creado no seo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, pero de forma paralela a este. Pretende ser un punto de encontro para todo aquel que queira achegarse sen complexos á musicoloxía, en calquera das súas manifestacións: crónicas de xornadas, comentarios de texto, reflexións, críticas de concertos, discos, libros... Cos mellores desexos musicolóxicos.

Julia Feijóo.